Bilingüismo e Diglosia |
O termo
bilingüismo fai referencia ó uso de dous idiomas por parte dun
individuo ou dunha sociedade. No plano individual podémonos referir a un bilingüismo
pasivo, que consiste na comprensión de dúas linguas pero coa posibilidade de
elaborar mensaxes só nunha delas, e a un bilingüismo activo que implica o dominio
oral e escrito das dúas. Cando nunha sociedade se empregan dúas linguas estamos diante
do que se coñece co nome de bilingüismo social.
O termo
diglosia aplícase a aquelas situacións nas que se dá un emprego codificado de
diversas linguas ou diferentes modalidades da mesma lingua. Esta situación podemos
atopala tanto en contextos de bilingüismo social como en casos de monolingüísmo, aínda
que é máis frecuente no primeiro contexto.
A
situación sociolingüística de Galicia podemos considerala de diglosia, observándose
claramente que unha das linguas que coexisten, o galego, é propia dos estratos con
menos poder, con menor prestixio social e empregada polas capas sociais máis
desfavorecidas economicamente. A outra lingua, o castelán, está identificada coma o
idioma da cultura, do poder e das situacións formais.
As
linguas representan, para a maior parte da sociedade, funcións diferentes e por iso
existe sempre un desequilibrio a favor da lingua alta(A) que serve para a realización de
calquera tipo de funcións , tanto formais coma coloquiais, fronte a baixa (B) que
unicamente se emprega en rexistros menos formais. Isto estase modificando nos últimos
tempos como consecuencia do ascenso da lingua B, o galego, a novos niveis de uso, pero
existindo aínda no fondo un grave proceso de desgaleguización, sobre todo entre a xente
nova das cidades. A identificación do castelán con factores positivos provocou que
moitos pais galegofalantes decidisen falarlles ós seus fillos nesta lingua, producíndose
unha extensión do castelán a sectores nos que nunca fora empregado tradicionalmente.